Con motivo do Día Europeo das Linguas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición das familias e da comunidade educativa “De aquí para alá”, un proxecto didáctico e musical para público infantil pensado para o achegamento a outras culturas e linguas desde o idioma galego.
Creado pola pedagoga da Linguaxe e a Educación Musical Lydia Botana, o proxecto conta con 21 cancións acompañadas de animacións e coreografías para bailaren os nenos, uns temas que nos levan nunha viaxe musical polo mundo para coñecermos os seus instrumentos e as súas melodías (jazz, rap, samba, reggae, ska, clásica, tradicional balcánico e galego, pop...).